CIRCULAR INICIO TEMPADA 2023/24
Comeza a tempada 2023/2024 de Xogade e queremos dar a benvida a un novo curso.
Neste correo hai información relevante sobre varios temas.
Sabemos que non todo afecta a todos por iso a información está organizada en bloques.
Sabemos que é un texto longo pero, deben ser conscientes da importancia de ler e
transmitir toda esta información a todo o persoal da entidade, a todas as familias dos
deportistas e, chegada certa idade, a todos os deportistas para o mellor funcionamento
da tempada.
1) O SEGURO (aféctanos a todos)
O Protocolo e a Póliza son información de acceso público tanto na web de Xogade
(xogade.xunta.gal) como na portada da aplicación de inscricións (https://inscricionxogade.xunta.gal)
É fundamental que todo o persoal da entidade, todas as familias dos deportistas e,
chegada certa idade, todos os deportistas coñezan esta información. Para isto axuda
que impriman os carnés de Xogade, que teñen na traseira un resumo do protocolo do
seguro.
O Protocolo é de obrigado cumprimento. Destacamos isto polo alto número de
incidencias que estamos tendo. Non queremos chegar ao punto en que a aseguradora
denegue a asistencia por incumprimento do protocolo.
Especialmente queremos lembrar algúns aspectos que só son eludibles en caso de
urxencia vital e nos que agradeceriamos que insistisen especialmente.
- a comunicación do accidente é previa á asistencia sanitaria,
- é potestade da aseguradora decidir onde vai ser atendido un deportista,
- o prazo para comunicar e certificar un accidente é de 7 días desde a lesión
A parte de que o protocolo marque estas condicións como de obrigado cumprimento é
importante pensar que na chamada de comunicación do accidente, en función do que se
describa, nos derivarán a un centro ou a outro, podendo incluso empezar a atención xa
directamente cun especialista.
Lembren que un incumprimento do protocolo pode deixar ao deportista e a súa familia
sen cobertura e incluso pode chegar a darse que teñan que aboar os gastos
ocasionados.
Respecto das altas médicas queremos lembrar que deben ser comunicadas á
aseguradora e que non se contempla a alta voluntaria. O que si existe é unha alta
parcial ou para a incorporación progresiva á práctica e comprobar a recuperación.
Entendan que a aseguradora traballa en función do que os facultativos escriben nos
informes. A información oral dada en consulta non é valorable pola aseguradora.
2) ACTIVIDADE DEPORTIVA ESCOLAR
Neste programa as novidades respecto de anos anteriores son:
- Non hai data límite para a creación de equipos salvo nas modalidades de Multixogo 6-
8 que require autorización por parte do Servizo Provincial e na modalidade de
Encontros Multideportivos, que se xestionará a través da Agrupación Deportiva Escolar
(en adiante ADE).
- A modalidade de Encontros Multideportivos é nova. Busca que se mutualice unha soa
vez a aqueles deportistas que nun encontro puntual van facer varias modalidades.
Xestionarase a través da ADE que creará ou solicitará ao Servizo Provincial a creación
destes equipos. As entidades deberán incorporar os deportistas unha vez teñan creado
o equipo.
- Buscarase facilitar na medida do posible a participación de toda persoa, atendendo á
diversidade funcional. Non dubiden en contactar coas ADE ou cos Servizos para
comentar as súas necesidades.
Nesta liña trataremos de iniciar competicións de equipos mixtos (con persoas con e sen
discapacidade) en certas modalidades, aparece a competición de voleibol sentado para
toda persoa interesada e favorecerase a participación simultánea no resto de
modalidades. Consulten as normativas xerais e específicas para máis detalles.
- Cando inscriban deportistas lembren que poden vincular os rexistros de anos
anteriores (unha vez creados os equipos). Agradecemos que, sempre que sexa posible,
cubran o campo NIF/NIE para evitar duplicidades na base de datos.
- Lembren informar ás familias de todo o exposto no apartado 1 deste documento.
3) ACTIVIDADE DEPORTIVA FEDERADA
- Asegúrense de ter acceso á aplicación (o contrasinal caduca cada 4 meses pero pode
recuperarse na portada). Recomendamos que cada entidade teña máis dun usuario para
evitar quedar sen acceso.
- Asegúrense de ter acceso aos datos de deportistas federados de cada federación.
Teñen as instrucións no Menú Inicio, Bloque de Axudas, Documento Acceso aos datos de
deportistas federados.
- Comproben que están todos os seus deportistas mutualizados e que os datos son
correctos, se pode ser co DNI mellor.